The Thoughts That Once We Had

When:
April 12, 2018 @ 8:30 pm – 10:30 pm
2018-04-12T20:30:00+01:00
2018-04-12T22:30:00+01:00
Where:
CGAI
Rúa Durán Loriga
10, 15003 A Coruña
Spain
Cost:
€1.20 / €0.60 concessions

California Sun
+ The Thoughts That Once We Had

Thom Andersen & Andrew Kim, California Sun, 2016, 4 min
Thom Andersen, The Thoughts That Once We Had, 2015, 108 min

California Sun
O filme é un vídeo musical que acompaña a versión do California Sun de The Farmingdale Sound Machine, gravada orixinalmente polos Rivieras. The Farmingdale Sound Machine creara un vídeo para a canción que usaba clips do meu filme Los Angeles Plays Itself. Cambieinos por outros de películas que ilustran mellor a canción, mesmo se a relación coa letra pode resultar por momentos irónica e adecuarse a unha versión irónica e triste da canción.
Por exemplo, ilustrarei a liña “I shimmy and they shimmy” (sacúdome e sacódense) cun plano de Anna Nicole Smith colgando do edificio 444 Praza na quinta coa rúa Flower, no que se zarandea co vento, e que provén do filme Skyscraper, remake non autorizado de Jungla de cristal. A miña peliculiña desmente a lenda segundo a cal Annette Funicello nunca ensinou o embigo nesas pelis de festas na praia. E faise unha pregunta: xa que a canción enxalza un lugar “onde os días son curtos e as noites longas”, por que é que se chama California Sun? (Thom Andersen)
The Thoughts That Once We Had
The Thoughts That Once We Had é unha historia persoal do cine, parcialmente inspirada nos conceptos de Gilles Deleuze, a imaxe-movemento e a imaxe-tempo (citas a estes libros non paran de aparecer) e no meu descubrimento da comedia musical de Hollywood, vendo un maratón en TCM na noite de fin de ano de 2014. Poida que pouco destas inspiracións ficase no filme, mais trátase sen dúbida dunha historia persoal do cine. Por suposto, moitas outras son posibles e a de calquera é tan válida coma a miña.
Un título co que traballaba era Grandes momentos na historia do cine, mais o filme superou o título. Volveuse máis ambicioso. Tomou unha forma que me gustou. O título non tenta dicir que o cine está morto. Polo contrario: toda arte hoxe aspira á condición do cine. En troques, o título suxire que as imaxes en movemento e os sons son pensamentos de seu, pois as películas non se perciben, lémbranse.
The Thoughts That Once We Had conta máis do que sei, mesmo se aprendín unhas cantas cousas sobre cine e sobre a miña relación con el ao facer esta película: poucos cineastas son quen de fabricaren o que Deleuze chama unha “imaxe-afecto”, unha imaxe que deixa pegada na cara como afecto puro que é; a melodía da ollada tamén é rara; canto máis fundamentada a cámara, mellor (o que ensinaba Joris Ivens); un plano d’ O undécimo ano de Dziga Vertov anticipa Wavelength; ler en alto é a máis cinematográfica das accións; o meu interese no cine é máis carnal do que pensaba; o que interesa á cámara non vén dado, é algo que a cámara descobre e volve novo en cada plano. A outros espectadores viranlle á mente outros pensamentos.
Isto soará un pouco formidable, mais tamén quixen engadir un pouco de vulgaridade americana ao chamado “ensaio fílmico”. O filme non estaba calculado para que os liberais se volvesen tolos; simplemente saíume así. (Thom Andersen)