Eadweard Muybridge, Zoopraxographer

When:
April 4, 2018 @ 8:30 pm – 10:30 pm
2018-04-04T20:30:00+01:00
2018-04-04T22:30:00+01:00
Where:
CGAI
Rúa Durán Loriga
10, 15003 A Coruña
Spain
Cost:
€1.20 / €0.60 concessions

Eadweard Muybridge, Zoopraxographer
+ A Train Arrives at the Station

Thom Andersen, A Train Arrives at the Station, 2016, 16 min
Thom Andersen, Eadweard Muybridge, Zoopraxographer, 1974, 59 min

A Train Arrives at the Station
Este filme foi un agasallo para min mesmo. Non o reivindico, nin tampouco ofrezo desculpas por el. Provén do traballo de The Thoughts That Once We Had. Houbo un plano que tivemos que cortar e cuxa perda lamentei profundamente. Era un tren entrando na estación de Toquio do filme Ozu O fillo único. Así que decidín facer un filme sobre isto: unha antoloxía de chegadas de trens. Comprende 26 escenas tiradas de planos de películas de entre 1904 e 2015. Ten unha simple estrutura serial: cada secuencia en branco e negro na primeira parte rima cunha secuencia en cor na segunda parte. Así, o primeiro e o último plano mostran trens chegando a estacións en Xapón dende un ángulo baixo. No primeiro (d’O fillo único), o tren móvese á dereita; no último plano, faino cara á esquerda. Un tren bala substituíu unha vella locomotora. Estes dous planos, por suposto, evocan o primeiro filme sobre trens de August e Louis Lumière, L’Arrivée d’un train en gare de La Ciotat. Así que despois de moitos anos fixen outra vez un filme estrutural, mesmo se non era a miña intención orixinal. (Thom Anderson)

Eadweard Muybridge, Zoopraxographer
Á vez unha biografía de Muybridge, unha reanimación das súas históricas fotografías secuenciais e unha inspirada análise das súas implicacións filosóficas. Se semella que o filme naceu completamente formado, isto débese en non pouca medida a unha intensiva preconceptualización. Tendo escrito primeiro nas páxinas de Film Culture en 1966, Andersen estableceu o campo de traballo que rexería o traballo final antes de se materializar. A súa realización práctica comezou pouco despois coma un filme de graduación na UCLA no que refotografou meticulosamente máis de 3000 imaxes de Muybridge.
Mentres os esforzos historiográficos por reanimar estes estudos se remontan, cando menos, ao The Film Parade de J. Stuart Blackton en 1932, o exercicio era neste caso unha plataforma de lanzamento. Traballando en colaboración con prominentes artistas e académicos entre os que se contan o cineasta Morgan Fisher (que axudou na montaxe final), o compositor Mike Cohen, o biógrafo de Muybridge Robert Bartlett Haas, e o narrador Dean Stockwell, Andersen tomou a idea visual do material en bruto e expandiuno, do que resultou unha fonda meditación sobre a natureza da visión.
A “zoopraxography” do título refírese tanto aos estudos de Muybridge sobre o movemento – distintos da fotografía– como ao seu aparello de 1879, que permitía a proxección de imaxes. Como tal, pon o foco sobre o rol de Muybridge como inventor do cine e do cine en si mesmo coma unha ilusión que nace do estatismo. (Ross Lipman)